Thursday 25 de April de 2024

A Feira Rural de San Sadurniño volve superar as expectativas


Rematado o derradeiro sábado de agosto de 2018, chega a hora de facer balance do que deu de si a décima edición da Feira Rural de San Sadurniño. Un evento centrado na posta en valor do medio rural como un medio vivo e con posibilidades de desenvolvemento socioeconómico de cara ao futuro que, de novo, volveu superar todas as previsións en canto a afluencia de público. Non damos cifra, senón a impresión xeral que deixou o constante ir e vir de xente e o trafego nos postos, especialmente nos alimentarios, durante todo o día. O tempo axudou, cun sol lixeiramente velado que mantivo unha boa temperatura ao longo da xornada. Pero tamén unha oferta de produtos grande, variada e de boa calidade que se rodeou dunha chea de actividades para todos os públicos. E mañá máis no Sons na Cortiña.

A feira arrancou tímida pouco despois das dez da mañá. Pero pouco a pouco os sendeiros e a carpa principal foron collendo ritmo con xente á procura de facerse con tomates, pementos, feixóns, queixos, mel e unha chea de produtos frescos e elaborados que algún posto mesmo chegou a esgotar, principalmente o verde de mellor aspecto.

Porén, un dos grandes atractivos da feira é a exposición e mailo concurso de froita autóctona, ao que este ano se presentaron dez lotes. Os tres premios quedaron en San Sadurniño. O 3º foi para Orlando Calvo por unha apetecible cesta de mazá Reineta verde. O segundo premio levounono outro veciño de Silvalonga, Juan Castrillón, quen presentou peras Manteiga dun tamaño soberbio. O lote ganador foron unhas extraordinarias mazás Sandía Roxa da familia López Pouso, de San Sadurniño mesmo, que se caracterizan polo seu dulzor e pola súa intensa cor roxa que mesmo se infiltra nas partes exteriores da carne, semellando ao corte unha sandía.

A AGFA do Eume, organizadora xunto co Concello do certame froiteiro, ofreceu durante todo o día degustacións das distintas variedades de mazá e pera -as que están agora no tempo- que se dán na horta de conservación Carlos Fornos.

A xente puido probar dos medio cento de cestos expostos, e tamén das propias árbores durante as visitas guiadas pola horta. Tamén puideron deixar a súa valoración sobre o que probaban para ir elaborando un pequeno estudo sobre os sabores máis valorados. E é que o acopio de patrimonio vexetal que hai na Cortiña ten sentido desde o punto de vista da preservación de variedades únicas, pero tamén como banco varietal do que se poida tirar proveito no futuro. ” O potencial está por explotar”, afirma Manolo Varela, engadindo que “xa temos máis ou menos claro cales son as mazás máis atractivas para transformar en sidra, para zume ou para mesa. A gama témola e por aí é onde hai que traballar para chegar ao mercado”, explica o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela.

Poucos minutos antes da clausura da feira, o concelleiro mostrábase “moi satisfeito” polo resultado do evento deste ano. “O día acompañou, a afluencia de xente foi tremenda tanto pola mañá como pola tarde. Un éxito impresionante”. Canda á oferta, á calidade e ao bo tempo, Varela atribúelle ese éxito tamén ás actividades paralelas para público adulto e infantil. Houbo paseos en canoa durante todo o día, obradoiros de elaboración de queixo e de niños para paxaros, exhibicións equestres e iniciación á equitación, a copa municipal de agility e un monográfico da Raza Can de Palleiro. Propostas que, segundo o edil, tiraron pola xente tamén desde primeiras horas da tarde, cando o habitual é que a feira recobre forza pasadas as 17 ou 18 horas. “A xente veu pola tarde moito máis cedo. As actividades paralelas tiveron moito que ver, xa que houbo moita participación nos obradoiros, nas visitas guiadas e no resto de propostas programadas”.

Visto o resultado, e visto que o público aínda andaba pola Cortiña unha hora despois de clausurarse a feira, o responsable de Desenvolvemento local ratificou a boa saúde do evento: “creo que é unha boa aposta e días coma o de hoxe dan ánimos para continuar con ela. [A feira] está moi forte e debemos seguir traballando nesta liña”.

Domingo de festa co Sons na Cortiña
A actividade no recinto continuará este domingo coa celebración do 4º Sons na Cortiña, un festival de música e lecer ao pé do Xubia dirixido a público familiar.

O Sons -que conta co patrocinio da Deputación da Coruña- ofertará desde o mediodía actividades para todas as idades -circo, malabares, un obradoiro de percusión, zona de xogos de equilibrio, etc.-, ademais de incorporar no cartel as actuacións de De Ninghures na sesión vermú -13.30h.- e, a partir das 17.30h., as do pallaso Peter Punke dos grupos musicais A Gramola Gominola e Pablo Balseiro e Os Cascarillas, quen pecharán a xornada pasadas as 22.00h. Ademais, desde as 15.30h. tamén haberá varios obradoiros para a rapazada.

O Sons na Cortiña aproveita a infraestrutura loxística da feira do día anterior, polo que tamén disporá dunha grande área de aparcamento nas proximidades e unha carpa habilitada por se chovese -non vai chover, seguro- para quen decida ir de merendada ao festival. No toldo tamén haberá xantar a prezos populares e ao entorno trasladarase un posto de comida rápida.